domingo, junio 21, 2009

Gaitas

Escoitando hoxe a Nando Casal no "Extrarradio", lembrei unha conversa que tiven hai tempo cun zamorano apaixonado da Semana Santa (hai moitos; chámanlles, precisamente, "semanasanteros"). O home estaba alporizado coa intervención da Banda Municipal de Celanova nunha procesión de Venres Santo.
-¡Qué falta de respeto! ¿A quién se le ocurre meter música de gaita en un momento tan sagrado? Pero esto no se va a quedar así. Estos no vuelven. Y a las bandas que se traigan se les dice bien clarito que sólo pueden tocar la Marcha de Thalberg y el Mater Mea de Dorado.
Non adoito ser moi rápido nas respostas, pero naquel intre veume á cabeza un posible argumento:
-E logo, se algún ano destes vos dá por contratar os Rolling Stones para as festas de San Pedro, tamén lle ides mandar un correo electrónico a Mick Jagger aclarándolle cal é o repertorio que deben interpretar?

lunes, junio 15, 2009

Precisión ou prexuízo?

Haberá uns catorce anos da miña última visita a Cambados, do que deduzo que xa é moito hora de voltar. Daquela, a causa da excursión era elegante e académica: unha profe do instituto puxera Os ollos do rei de copas de lectura obrigatoria aos seus alumnos e alá fun eu, usuario entusiasta do Castromil, disposto a aclarar as dúbidas dos rapaces ou, preferentemente, a escurecérllelas aínda máis. Ao remate do acto, achegouse a min unha amabilísima señora, que se identificou como docente de Historia no mesmo centro. A muller, que falaba un castelán anacrónico e agalegado, quixo presentarme a súa nai, coa que coincidimos na Praza de Fefiñáns. "Mira, mamá, este chico es un escritor gallego", dixo.

viernes, junio 12, 2009

Estes son os que falan de liberdade

"Aproveito para lembrarlle que a Dirección do centro é a responsábel do normal desenvolvemento do proceso de realización da consulta e en consecuencia deberá prohibir todas as accións ou actos, tanto a favor como en contra do mesmo, mantendo informada en todo momento á Inspección Educativa."

martes, junio 09, 2009

Carta aberta a un fato de parvos

Membros de Resistencia Galega ou como raio vos chamedes:
Para o caso de que chegue esta mensaxe a algún de vós, quérovos dicir, con toda enerxía e solemnidade, que sodes uns parvos do carallo, uns palermos sen cabeza nin sentido común nin remedio. Sodes, en resumo, unha merda, e non merecedes máis que desprezo. Pensades -no caso de que tal actividade sexa posible no voso cerebriño de vermes- que lle facedes moito ben a Galicia estragando o coche de Gloria Lago ou ceibando pintadas na súa casa? Credes que hai algo heroico e definitivo na vosa actitude? Non vos decatades, babecos do inferno, que estades convertendo a esa banda de friquis galegófobos chamados Galicia Bilingüe nuns mártires da liberdade? Seica estades, pailarocos, tan gafos de lagañas no voso entendemento, que non vedes o dano que nos estades a facer aos que pretendemos empregar a lingua galego decotío, en todos os eidos da vida, sen que ninguén nos identifique por iso con ningún tipo de extremismo ou inadaptación? Non vos dá vergoña que este "traballiño transgresor" que vindes de perpetrar lle dea azos ao sector máis retrógrado do xornalismo galego, por exemplo ao anormal redactor do Faro de Vigo que publica a nova da vosa acción baixo o epígrafe "conflicto lingüístico", no canto de "sucesos" ou "actividades delincuentes", como faría unha prensa máis intelixente e respectuosa cá que temos?
Dades noxo, Resistencia Galega, máis vos valería empregar o voso tempo en aprender a colocar pronomes ou facer prácticas de ene velar. Pero para iso, agora que o penso, precisariades unha mínima intelixencia, que é xusto o que non tendes.

miércoles, junio 03, 2009

Distancia

Como consecuencia dun problema de saúde do meu pai, estiven lonxe do traballo e dos ordenadores durante case tres semanas. Tiro varias conclusións do asunto:

-É posible sobrevivir sen ceibar parvadas na rede. Por raro que pareza, actualizar o blog e participar no facebook non sempre son prioridades na vida.

-No lugar máis imprevisto, é posible manter conversas moi agradables con persoas descoñecidas. Mesmo pode ser que estas conversas axuden a que un se desfaga de certos prexuízos e comece a valorar con maior respecto aos que pensan de xeito moi diferente.

-As actualidades política e deportiva perden realidade cando se reciben dende a habitación dun hospital.

-Tarde ou cedo, todas as rutinas volven. De feito, non sei como dou aguantado estes desexos que me soben polo peito de lanzar agora mesmo unha nova proclama sociolingüística. Se non o fago, é por non molestar aos milleiros de lectores que arestora dormen pacificamente a sesta, alleos ao suicidio dos pobos e á destrución deliberada do sistema cultural.

En fin, amigos, o único verdadeiramente importante é que o meu pai se recuperou moi ben. Para quen vaia o sábado a San Simón, esperemos que non chova e que poidamos parolar sobre as circunstancias do ser. Coidádevos, que a saúde é o primeiro.