martes, marzo 31, 2009

Soños de andel

O venres, día 3 de abril, ás 20 horas, terei o inmenso pracer de asistir á presentación de "Soños de andel", o primeiro libro que publica Susana Lamela, mestra e psicopedagoga, xa moi coñecida pola enorme valía profesional amosada durante a súa longa etapa en Edicións Tambre. "Soños de andel" non é só un fermosísimo conto para nenos, senón toda unha declaración de amor ao libro como obxecto indispensable na vida das persoas. O volume conta ademais coas magníficas ilustracións de María Lires, que completan a beleza do conxunto.
A presentación terá lugar na Librería La Vara (rúa Daniel Ojea, 6), en Ponteareas. Concluída a mesma, comezarán as miñas inmerecidas vacacións de Semana Santa, nas que agardo poder compartir café ou cervexa con algún compañeiro de blogomillo. Saúde para todos!

lunes, marzo 23, 2009

Seca

Levo unha temporadiña en que non son capaz de ler nin de escribir. Non mo leva o corpo. Ademais, noto unha cousa estraña: teño o pé dereito frío e o esquerdo quente, así a meirande parte do tempo: de noite, cando durmo, e agora, mentres percorro o teclado e penso no felices que eramos todos cando aínda gozabamos da lectura dunha boa novela e as extremidades tiñan unha temperatura uniforme.

lunes, marzo 02, 2009

A lección de Galicia Bilingüe

De acordo, sería preferible deixar pasar uns días e reflexionar con calma sobre as eleccións. Non é bo botar a lingua a pacer e moito menos poñer por escrito opinións que probablemente non van espertar adhesións. Vale, será así, pero hoxe teño o corpo crítico e non podo evitar esta pequena sesión de autoxenreira. Aí vai: a cuestión é decidir que influencia puido ter o movemento chamado Galicia Bilingüe nos resultados de onte. Eu creo que moita, ou polo menos dabondo, o suficiente para mobilizar a unha decisiva porcentaxe de cidadáns.
Antes de que os tremendistas se persignen ou saquen o dicionario de adxectivos, direi que non comparto en absoluto as propostas que fan os devanditos Bilingües. Paréceme unha absoluta aberración iso de separar os rapaces en función da lingua, creo que un filólogo cun mínimo de vergoña (vese que Gloria Lago non o é) non debería nunca reclamar en público o que eles chaman "bilingüismo pasivo" e sigo dicindo que calquera sistema educativo que non garanta a plena competencia lingüística en galego e castelán é un absoluto fracaso e unha ofensa aos cidadáns de Galicia. Dito o cal, recoñézolle a Pousada e Lago unha habilidade e unha intelixencia abraiantes á hora de poñer de manifesto certas contradicións nas que ata agora non repararamos. É certo: o decreto educativo do bipartito non garante en absoluto que os rapaces teñan un dominio do rexistro culto do castelán, algo que non parece admisible. Partindo desa base, e da absoluta indiferenza que teñen moitos cidadáns de Galicia cara aos asuntos do idioma, Lago e Pousada construíron unha rede moi ben artellada, con puntuais apoios políticos pero sen unha equiparación definitiva nin co PP nin con esa cousa chamada UPyD. Decatáronse de que, por moito que nos sorprenda a algúns, á maioría dos galegos non lles importa o máis mínimo iso dos "sinais de identidade", por non falar de conceptos máis solemnes como "nación" ou "pobo", e fixeron uso dese desleixo para acadar os seus obxectivos. É moi doado para calquera sofista con facilidade de palabra poñerse na Rúa do Príncipe e criticar a Lei de Normalización Lingüística, amparándose naquilo tan impactante de "¿es que acaso somos subnormales los que no hablamos gallego?". Os Bilingües conseguiron reforzar a idea, xa presente en moitos cidadáns con pouca afección aos actos de raciocinio, de que a lingua e a ideoloxía camiñan sempre xuntas, sendo aquela un simple instrumento de afirmación desta. Noutras palabras, convenceron a moitos cunha vella e eficaz trampa: se falas galego, ou es da aldea ou es do Bloque (cousa fermosa a primeira e lexítima a segunda, pero mal vistas para moitos); ou, aínda peor, cobras unhas tremendas subvencións por falar galego, un argumento moi interesante e lamentablemente falso (digo "lamentablemente" porque eu levo case toda a vida falando galego e aínda non me puxen rico). Por se fosen poucos estes argumentos, Galicia Bilingüe contou con dous aliados espontáneos que seguramente non entraban nos seus cálculos iniciais. Por un lado, os discursos e as medias palabras de certas persoas para as que o único importante na vida é a conta corrente (por exemplo, o presidente do Club Financiero de Vigo e o editor de La Voz de Galicia). E por outro, o que máis estarrece, contaron coa decisiva axuda de todo ese fato de parvos que se dedicaron a boicotearlles as manifestacións, a meter ruído, a insultalos, a convocar xuntanzas por internet, a convertelos nas heroicas vítimas dun sistema represor. Alguén se estraña de que, con tales premisas, chegasen a xuntar máis de cen mil sinaturas? Alguén se sorprende de que Núñez Feijoo xa non mencione nunca o Plan Xeral de Normalización Lingüística, asinado polo PP no 2004, e fale agora dun sistema de elección de lingua por parte dos pais para o curso que vén?
Seica houbo un adestrador do Barcelona que dixo que o seu equipo gañaría no campo do Betis sen necesidade de baixar do autobús. Por suposto, perdeu. Esa é a clase de soberbias que nos fan dano. Pode que xa sexa tarde, pero ao mellor aínda estamos a tempo de estudar a estratexia do inimigo e aplicala, cando corresponda, na defensa dos nosos intereses. Veñen anos duros. Deus queira que aqueles que aínda sentimos a lingua galega como algo noso saibamos organizarnos e amosar con firmeza a nosa vontade de seguirmos sendo galegos. E, para iso, é inevitable que nos poñamos belixerantes, que sexamos absolutamente firmes na defensa dos nosos dereitos de galegofalantes. Hai que encher as caixas de correo de protestas cada vez que un funcionario non nos atenda na lingua da nosa elección, cada vez que un político estrague un discurso a base de tempos compostos e pronomes mal colocados, cada vez que teñamos un problema cun notario, cun cura, cun garda civil, cun empregado do Corte Inglés. E hai que deixar moi claro que, independentemente das ideas que teña cada un, non actuamos así porque creamos na existencia da nación galega ou porque reivindiquemos unha cultura milenaria ou porque pensemos que hai que respectar o que herdamos dos devanceiros. Non, é máis simple e á vez máis contundente: queremos vivir en galego porque é o noso dereito.
E, por certo, se non o digo rebento: como alumno que fun do I. B. San Tomé de Freixeiro, dáme noxo que nas mesmas aulas onde impartiron o seu maxisterio persoas como Carlos Casares, Víctor Freixanes, Evaristo de Sela, Manuel Rodríguez Álvarez, Gonzalo Navaza ou Consuelo Romón, estea agora esa parella de defensores da eutanasia cultural, Pousada e Lago, Lago e Pousada. Que vergoña, amigos, que vergoña.