jueves, marzo 27, 2008

Frase brillante que pronunciou o meu avó hai uns días

Ao non morrer antes, hai que chegar a vellos.

jueves, marzo 13, 2008

Na beira do Douro (12)

Todos os días, cando vou cara ao traballo, ás oito menos cuarto da mañá, crúzome cun home que camiña con paso lixeiro. Vai sempre a asubiar, sen que pareza afectarlle o frío nin a hora. Non sei como se chama este home e é posible que nunca chegue a falar con el, pero hoxe vou aproveitar este espazo para manifestarlle o meu agradecemento. O seu asubío é un fermoso xeito de principiar o día.
Marcho de vacacións unha semana e pico. Pasádeo ben, tende coidadiño nas estradas e procurade caer nas tentacións. Ata máis falar.

miércoles, marzo 05, 2008

Suicidas

Enchemos os nosos montes de especies non autóctonas; ás veces queimámolos e facemos fotos do lume. Acementamos as nosas rías para que os barcos entren con comodidade e os veciños da outra beira estean máis próximos. Construímos centos de casas e edificios no medio da paisaxe, sen reparar no estragado. Esquecemos a nosa cultura, as nosas cancións, a nosa gastronomía, a nosa lingua, non porque nos molesten ou porque teñamos algo contra elas, senón por adaptarnos á modernidade e non quedar de pailáns e/ou independentistas. Suicidámonos, en fin, con absoluta confianza no futuro: mentres pousamos o cano da pistola nas tempas, sorrímoslle á cámara.

Esta fin de semana vin o Centro Comercial da Laxe. Entendedes a miña frustración?