martes, noviembre 25, 2008

Lois Antón

O sábado asistín a un dos catro actos de homenaxe que se lle renderon a Lois Antón, o poeta de Escudeiros. Ao remate do asunto, aínda emocionados por uns versos ben fermosos e sinxelos con que nos agasallou o protagonista do evento, quixemos cantar o himno galego, pero a miña achega persoal ao momento concluíu en fracaso. A metade do camiño sufrín unha imprevista imposibilidade de gorxa que me deixou entalado entre altas copas e monótonos fungares. Ben pensado, foi todo un símbolo do que me ocorre ultimamente. Como diría algún analista perspicaz, o que realmente me sucedeu é que "somaticei" o meu pesimismo. E así quedei, á espera de que cheguen por fin os tempos dos bardos.

lunes, noviembre 17, 2008

Argumentos que nos fan dano

Seguindo co asunto da lingua, atrévome a dicir que o mellor argumento, aquel que máis nos favorece á hora de promocionar e normalizar o galego é, aínda que poida soar raro a algúns purísimos oídos, a necesidade dun verdadeiro bilingüismo. Dito doutro xeito, dados uns pais castelánfalantes que se ven no transo de escolarizar os seus fillos en Galicia, eu comprendo perfectamente que se alporicen e indignen ao ver que o noventa por cento das asignaturas que reciben os mesmos se imparte nunha lingua que non é a súa. O asunto dos idiomas fai que se poñan de manifesto as sensibilidades aparentemente agochadas, polo que non vexo conveniente nin beneficioso convertelo nun simple exercicio de vinganza pendular. O galego ten que ser unha lingua amable, agarimosa, científica, real, viva, apta, pero nunca a desculpa para levar a cabo unhas represalias que nos fan máis dano que ben. Polo tanto, creo que os típicos e vellos e emotivos argumentos de "a nosa lingua", "a lingua da nosa terra", "o que nos identifica como pobo" e outras expresións similares, non serven para nada. Ao contrario, espertan nun sector importante da poboación un auténtico rexeitamento. Non se trata de convencer aos que xa están convencidos, senón de atraer cara ao galego a aqueles que, moi lexitimamente, non senten a menor arela nacionalista nin patriótica. E para iso, coido eu, sería interesante que quedase moi claro que o galego, en pé de igualdade co castelán, é un idioma que enriquece mesmo a quen non o ten como lingua de berce ou de uso cotián. Neste sentido, os argumentos con que algúns xornalistas e intelectuais se están enfrontando á vaga anti-decreto que vivimos nos últimos meses parécenme algo pobres e esvaídos. Non nos convén dar imaxe de cultura oprimida e acomplexada; ao contrario, é urxente que poñamos de manifesto que o feito de escollermos vivir en galego non nos dá a razónm pero tampouco nola quita. É, simplemente, un fermoso exercicio de liberdade.

martes, noviembre 04, 2008

Novos tempos

Cando e por que xurdiu esa animadversión que moita xente sente cara á lingua galega? Nos meus anos de bacharelato (Vigo, anos oitenta), os rapaces falabamos maioritariamente en castelán, pero tiñamos, polo xeral, un sentimento agarimoso polo idioma galego. De aí que moitos (non só os que tiñamos a sorte de proceder de familias galegofalantes) optásemos, de xeito libre e natural, por empregar a cotío aquela lingua estraña á maioría dos nosos coetáneos. Polo que vexo, a situación mudou moito. A mocidade urbana de hoxe xa non ten ningún vencello co galego. Non é a lingua dos pais, xa non quedan avós nas aldeas de fin de semana, case ninguén manifesta a menor arela identitaria ou cultural. O problema, pois, non está nas políticas de normalización. Estas poden ser boas ou malas, tanto ten, a cuestión é que chegaron cando xa non quedaba moito que normalizar. De aí que, na miña opinión, sexa necesario actuar dun xeito especialmente sutil e respectuoso. Cómpre traballar a prol do galego, por suposto, pero sen o converter nunha cousa antipática e hostil. Recoñezámolo xa: a mensaxe dos grupos apocalípticos está a callar en moita xente. Non abonda con ollalos despectivamente e facer como se non existisen.