miércoles, mayo 21, 2008

Sonsonetos para pasar o tempo (5)

Os poetas camiñan pola rúa
atentos á chegada do destino.
Eu non teño ese espírito felino;
de aí que a miña pluma nunca intúa

os acubillos da inspiración núa,
o soneto xusto ou case divino
-moito mellor se sae alexandrino-,
que diga amor sen menciona-la lúa.

Por dicir, miña amada, que te quero,
peitearei guedellas, porei lentes,
violarei sinalefas con esmero,

repetirei as rimas máis frecuentes,
e todo en nome deste amor sincero
que sinto, miña amada, e ti non sentes.

martes, mayo 13, 2008

Pesimistas

Di o gran Iñaki Gabilondo que os pesimistas tamén se trabucan. Pola conta que me ten, espero que teña razón.

miércoles, mayo 07, 2008

Sonsonetos para pasar o tempo (4)

Hai arte na extravagante escultura
que preside o municipal xardín?
Hai arte no poeta galopín
que nos brinda a demorada lectura

da súa obra completa e nos tortura
con dicción suave e metáfora ruín?
Hai arte no patético pingüín
que come canapés con tenra usura?

É posible que a arte medre no niño
da carriza ou na mirada do boi,
ou probablemente no doce viño

que agroma do inabarcable bocoi.
Eu direi con firmeza e a modiño:
Artista, artista era Mostovoi!

Dedicado aos que sofren na fraternidade celtista