martes, enero 29, 2008

Miña beizón

Leva moita razón o amigo Porto do Mendo cando reivindica a expresión "miña beizón" como xeito de agradecemento. Non teño nada contra o tradicional "graciñas", podo empregar de cando en vez o fermoso lusismo "obrigado" (sobre todo se falo cunha amiga miña natural de Resende, a traballadorísima Maria João) e non renuncio ao normativo "grazas". Porén, ningunha destas fórmulas leva de seu a afectividade agradecida ou o agradecemento afectivo do "miña beizón" que aínda empregan os vellos de Silvaoscura e arredores. Bendicir a aquel ao que estamos agradecidos é unha maneira doce e moi lírica de poñer de manifesto que o que dicimos é verdadeiro e non unha pura expresión social.
Velaquí, pois, a proposta que facemos Porto do Mendo e mais eu, por se algún membro da Real Academia Galega visita este blog e considera oportuno tomar nota.

martes, enero 22, 2008

Na beira do Douro (10)

Se alguén quere saber as razóns polas que Pili, a de Mombuey, se enfadou con algunhas das que consideraba as súas mellores amigas, cómpre principiar por dicir, ben alto, que a tal Pilar é unha das rapazas máis traballadoras, educadas e faladeiriñas que pasaron por esta Escola de Maxisterio na que traballo.
En segundo lugar, é preciso aclarar que un tío carnal seu é xefe dunha cuadrilla de albaneis que desenvolve o seu labor na preciosa bisbarra de Sanabria. Entre os clientes para os que traballaron, sinalaremos a Sergio Dalma, coñecido cantante que mercou casa hai algúns anos en Rosinos de la Requejada.
Engadiremos, no terceiro punto, que a avoa de Pili e nai do albanel finou recentemente. Ao seu funeral, asistiu, entre xente menos famosa, o devandito Dalma, que quixo así acompañar na dor a quen contribuíra tan dilixentemente á restauración do seu fogar sanabrés.
E remataremos dicindo que algunhas das que se dicían amigas da neta da defunta aproveitaron a ocasión para pedir autógrafos e facer fotografías nos arredores do tanatorio, razón pola que Pili puxo en dúbida a súa amizade e manifestou publicamente a súa ira.

lunes, enero 14, 2008

Ángel González

Lembro un grupo de rapaces de COU, a finais dos oitenta, que escoitaban na cafetería do I. B. San Tomé de Freixeiro as palabras engaiolantes do mestre Gonzalo Navaza. Falaba de poetas, de versos para nós descoñecidos. De súpeto, apoderouse da conversa un novo nome: Ángel González. Non sabiamos quen era; en todo caso, un deses autores de final de libro de texto, esas leccións ás que nunca dá tempo a chegar.
Uns días despois, un daqueles rapaces mercou na Bertrand do Príncipe unha alfaia chamada "Palabra sobre palabra", esa biblia.
Finou Ángel González, pero está vivo. Os seus versos serán esperanza cada vez que a luz da realidade nos manque nos ollos.

martes, enero 08, 2008

Na beira do Douro (9)

Venres pola tarde. Diante dunha tenda de xoguetes, falo con Víctor, un neno de cinco anos, fillo duns coñecidos. Neste tempo de orixinalidade, pregúntolle cal é o Rei Mago que máis lle gusta.
-Melchor e Gaspar.
-E Baltasar non che gusta?
-Non, porque é negro, como Hamilton.
Sen comentarios.

miércoles, enero 02, 2008

Na beira do Douro (8)

Volvín e non funciona a calefacción. É curioso o pouco que se precisa para estragar a vidiña á que estamos afeitos. En fin, o caso é que aquí estou, un ano máis, entre o frío e a néboa, cos clásicos saúdos aos compañeiros e o xúbilo de que este ano caeu un belisquiño de lotería (non vaiades pensar que moito, no meu caso foron cincocentos euros).
Das vacacións, cóntovos que foron breves e intensas. Tomei cafés con algúns amigos e coincidín na bancada de Balaídos cun vello coñecido, o mítico Manolo Pipas, todo un persoeiro das rúas viguesas. Manolo, ao que non vin moi afeccionado ao fútbol, estaba xa preparado para viaxar a Chiapas. Agardamos con moito interese as súas crónicas.
Esta tarde dedicareime á vida social en Zamora. Aínda que é posible que, antes das apertas e as felicitacións, teña que mercar un calefactor.
Por certo, no 2008, seguiremos falando da lingua.