viernes, abril 27, 2007

Zamora

Saboreando uns amorodos aínda algo amargos, cheguei á conclusión de que xa vai sendo hora de corrixir algunhas pequenas inxustizas cometidas por este blogueiro. Por exemplo, nunca vos falei de Zamora, a cidade que me acolle, que me tranquiliza e que me dá de comer.
Levo aquí sete anos e medio. Dende aquela fría mañá de novembro do 99 en que cheguei -cedo de máis- á vella Escola de Maxisterio, ata hoxe, nas acolledoras e modernas oficinas do Campus Viriato, funme adaptando paseniñamente a esta terra, ata o punto de que agora, sen renunciar á miña condición de galego, xa son, en certo xeito, unha especie de zamorano. Polo menos, un amigo incondicional de Zamora.
É unha cidade pequena, duns sesenta e cinco mil habitantes, con serios problemas de infraestruturas e con poucos recursos económicos. A poboación está composta fundamentalmente por funcionarios e xubilados. É moi frecuente que a xente nova se vexa obrigada a emigrar e a procurar un futuro en Madrid, no País Vasco ou en zonas tradicionalmente máis prósperas.
Por outra banda, Zamora é un lugar fermoso, con rúas elegantes e unha multitude de igrexas románicas que causan admiración pola súa beleza e polo ben conservadas que están. Paga a pena, ademais, camiñar pola beira do Douro, sobre todo no outono, contemplar os numerosos niños das cigoñas ou percorrer os museos (o etnográfico, o catedralicio, o de Semana Santa...).
Amigos do blogomillo, non deixedes de avisar se pasades por Zamora. Terei o pracer de convidarvos a un pincho moruno e a un viño de Toro.

viernes, abril 20, 2007

Na tele

O vindeiro luns, 23 de abril, emítese no programa "Libro aberto", da TVG, a entrevista que gravamos a semana pasada. Ben, en realidade, dadas as horas ás que se adoita emitir, o máis probable é que xa sexa martes, 24. Se alguén ten problemas de insomnio e decide quedar a verme, agradézollo moi sinceramente. Se non, sempre poderedes acceder á páxina web da CRTVG, onde colgan despois todos os programas. Xa me contaredes que vos pareceu.
Aproveito a ocasión para manifestar o meu agradecemento e o meu saúdo aos responsables de "Libro aberto", moi nomeadamente a Luís Rei Núñez, Manolo Romón e Olalla Vaamonde.

martes, abril 17, 2007

Que queremos dicir cando falamos de normalización lingüística

Agardo que algún sociólogo de boa vontade me informe sobre un asunto que ultimamente me parece preocupante. Se cadra, engánome e vexo problemas onde non os hai, pero eu diría que a percepción do galego e, sobre todo, dese proceso que se deu en chamar "normalización lingüística", está a mudar para peor. Despois de décadas de indiferenza maioritaria cara ao noso idioma, disimulada polo esforzo de colectivos e particulares especialmente comprometidos, batemos agora cunha novidade que non agardabamos: a hostilidade manifesta de certos sectores, aínda non moi significativos, pero suficientemente ruidosos como para que as súas queixas sexan esparexidas por veteranísimos xornais e webs de nova creación. Antes de que o regueiriño medre e se faga río, sería conveniente, creo eu, que aqueles aos que aínda nos importa algo a lingua que herdamos dos nosos vellos tomemos unha serie de medidas profiláctica. Nunha palabra, pasemos á acción.
En primeiro lugar, cómpre que lembremos o significado orixinal da famosa normalización, para que os cranios asoallados das páxinas de opinión e das cartas ao director poidan por fin saír dese estado de pánico indignado no que viven permanentemente. O único que se pide co devandito proceso é que aqueles que desenvolvemos a nosa vida cotiá en galego -segundo as enquisas, aínda somos maioría- poidamos facelo con absoluta normalidade, sen atopar atrancos nin discriminacións, é dicir, que poidamos redactar os documentos, asistir ás misas, ir ao médico, manter preitos, recibir ensinanza e desenvolvernos en todos os eidos na nosa lingua de uso habitual. Trátase, por tanto, de facer que o galego sexa unha lingua absolutamente normal, para que os seus falantes non nos sintamos extraterrestres na nosa propia terra. Todo isto axudará, segundo pensamos moitos, a que se recupere a transmisión do idioma nas familias e a que desapareza por fin ese inexplicable complexo de retraso que levou a miles de pais a non falar en galego aos seus fillos.
Por suposto, o proceso de normalización non vai en contra dos dereitos dos castelán-falantes, para os que esiximos o máximo dos respectos. Sabemos demasiado de discriminación como para permitir que sexan outros os prexudicados. Nese sentido, deben sentirse tranquilos os Blanco Valdés, os Carlos Luis, os Romeo Sierra e similares. A normalización lingüística non os ten como obxectivos. Ao contrario, ninguén os precisa na causa do galego e ninguén pretende que muden os seus hábitos. A liberdade, como é natural, está por riba das linguas. Por iso, precisamente, algúns eliximos falar en galego.
Non me quero estender de máis, pero aínda hai un segundo punto que vos propoño, non só como debate, senón como inicio dunha acción directa. Hoxe, 17 de abril, estamos a un mes do célebre Día das Letras Galegas. Tamén falta pouco para o 27 de maio, data das eleccións municipais. Propóñovos que, como cidadáns galegos e galegofalantes que somos, empecemos dende agora mesmo a esixir aos nosos medios de comunicación e aos que pretenden ser os nosos representantes nos concellos un compromiso firme co proceso de normalización da lingua galega. Xa de entrada, sen que ninguén ma pida, douvos a miña opinión como vigués: non me gustan nada as actitudes neste terreo nin de Corina Porro nin de Abel Caballero. Fagamos, pois, que oian a nosa voz.

jueves, abril 12, 2007

Volvo

Dende a anterior entrada, conseguín rematar por fin uns traballos que tiña pendentes dende había ben tempo, estiven quince días de baixa por culpa da varicela (xa se sabe, doenzas propias dos que somos novos), aproveitei a Semana Santa para visitar uns amigos que viven no Algarve (graciñas, Tere e Yago, pola hospitalidade e por ser os responsables desa cousiña tan preciosa que tendes por filla) e gravei unha entrevista para o programa "Libro aberto" (xa volo lembrarei cando se emita).
Dito o cal, comunícovos a miña intención de retomar o blog. Non sei moi ben de que vos vou falar nin a periodicidade das entradas, pero o certo é que xa estrañaba este medio de comunicación, a posibilidade de conversar convosco e de comunicarme con todos os amigos do blogomillo.
Volvamos, pois, a este refrescante e primaveral rego. Unha aperta para todos.