martes, agosto 29, 2006

La estupidez avanza

Acabo de ler no xornal "La Voz de Galicia" un artigo de Xosé Carlos Caneiro titulado "La estupidez avanza". Non me interesou en absoluto o seu contido. Xa sei que hai moitos programas de telelixo, cada vez máis, pero non por iso vou ser eu quen crucifique a quen os ve. É máis, teño moi comprobado que Jorge Javier Vázquez produce en min efectos somníferos moi beneficiosos para a miña saúde.
No entanto, quería pararme a pensar sobre o feito de que Caneiro, un dos nosos escritores máis premiados e publicados dos últimos anos, escriba en castelán na prensa galega. Evidentemente, está no seu dereito de facer o que lle pete. Bieito Iglesias Araúxo ou Alfredo Conde escribiron obra narrativa en castelán nos últimos anos e non por iso deixamos de consideralos autores sobranceiros do noso sistema literario. Mesmo lle aplaudimos os éxitos colleitados cando trocaron a lingua de Cabanillas pola de Clarín (xa sei que sempre se di Rosalía e Cervantes, pero haberá que cambiar de retrouso algún día).
Pero o cambio de Caneiro, un escritor ao que admiro dende que lin o seu excelente "Un xogo de apócrifos", lévanos a formular varias preguntas para as que non é doado atopar resposta. Son as seguintes:
1. Ten algo que ver na actitude do de Verín as críticas, ao meu ver inxustas e de moi mal gusto, que lle fixeron nos últimos meses nun blog presuntamente literario que asina outro narrador multipremiado?
2. No caso de ser así, non estará a ver Caneiro grandes confabulacións onde non hai máis que xenreiriñas particulares?
3. El non será que o xornal La Voz de Galicia esixe aos seus colaboradores que escriban en castelán? Aceptaría Caneiro tal presunta proposta? A cambio de que se pode aceptar algo así? Merecería un xornal que fai isto seguir denominándose Voz de Galicia? Velaquí o "compromiso dun título" do que falaba hai algúns meses o egrexio editor?
Todo isto, que conste, é un falar. A min tanto me ten o que faga cada un coas súas letras. Non creo que a lingua galega vaia desaparecer por moito que Caneiro se pase ao castelán, do mesmo xeito que non creo que se vaia salvar grazas á obra literaria do camareiro do Cabaret Voltaire. O problema, desafortunadamente, non está no mundo dos libros, senón nas rúas, nos colexios, nas oficinas e nos amores. É aí onde verdadeiramente doe que o galego estea a perder usuarios. O demais é unha pura anécdota, pero xa se sabe que, ás veces, o sistema literario semella unha árbore estraña e multiforme que nos impide ver que xa hai tempo que ardeu o monte.
Unha última cousa: como sei que a Xosé Carlos Caneiro non lle gustan os anonimatos (a min tampouco), remato asinando en Zamora, a vintenove de agosto, día en que Salomé ordenou a decapitación de San Xoán Bautista.
Xurxo Sierra Veloso

jueves, agosto 24, 2006

No Furriolo

O domingo, 27 de agosto, a partir das once e cuarto da mañá, vaise celebrar un acto en memoria dos asasinados durante a Guerra Civil no Alto do Furriolo (Ourense). Este lugar, a medio camiño entre Celanova e Xinzo de Limia, foi triste escenario dunha chea de crimes naqueles días que algúns, eles saberán por que, queren esquecer. Convido a todos os amigos do blogomillo a que se acheguen ao Furriolo e escoiten as palabras dos familiares daqueles defuntos, os versos dalgúns recoñecidos autores e o solemne e emotivo son da gaita galega. Procederase tamén á inauguración dun mural conmemorativo, obra do artista Xosé Vizoso.
Ademais, está prevista para dentro duns meses a edición dun libro colectivo en homenaxe aos caídos no Furriolo, libro que está a ser coordinado polos profesores e poetas Baldo Ramos e Xoán Carlos Domínguez Alberte.
Non esquezamos nunca.

miércoles, agosto 16, 2006

Por fin chove

Agora que -seica- remataron os lumes, é bo momento para reflexionar un pouquiño e tomar medidas que eviten novas traxedias. Non son biólogo, non entendo nin unha palabra de árbores e non sei se convén reforestar ou non, pero intúo que hai dúas ou tres cousas que se cadra habería que facer:
1. Nun hipotético país normal, os políticos saberían asumir as súas responsabilidades. Cáeme ben o sr. Suárez Canal, pero creo que xa está a tardar moito en dimitir. O goberno da Xunta ten que explicar polo miúdo este absoluto desastre, sen que lles valla de excusa nin o seu suposto carácter progresista nin o pouco tempo que levan no poder nin nada. No seu día exerceron unha oposición dura. Agora correspóndelles dar explicacións. Ah, e non esquezamos as actitudes bastante patéticas do sr. Núñez Feijoo destes días. Temos unha clase política absolutamente demencial.
2. Non sei se houbo trama organizada, mafia do chisqueiro ou telepatía de tolos, pero hai que explicalo xa. Levamos case dúas semanas oíndo insinuacións que non axudan a nada. Se hai un grupo terrorista, que o desenmascaren e que nos revelen os seus propósitos e os seus medios de finanzamento. E se non o hai, que nos digan por que a todo o mundo lle interesou tanto divulgar a súa posible existencia.
3. O asunto das brigadas de extinción precisa unha revisión a fondo. Descoñezo as condicións de traballo desa xentiña, pero penso que teñen que estar moi queimados -e perdón polo xogo de mal gusto- ao ver que, despois de traballar sen descanso, aínda acaban a xornada rodeados de sospeitas. Aínda que haxa cen que deixen o pelexo no monte, con tal de que haxa un afeccionado á gasolina, abonda para que o corpo enteiro quede mal visto para unha boa parte da opinión pública. De onde provén esta situación?
4. Queremos que nos conten que van facer coa superficie ardida e que nolo sigan dicindo dentro de catro ou cinco ou dez anos, non vaia ser que de súpeto agromen urbanizacións de chalés adosados en lugares nos que supostamente está prohibido. Do mesmo xeito, sería moi conveniente que nos informasen polo miúdo da colaboración e do interese dos alcaldes en todo este asunto.
Xa vos digo que non son un experto no asunto. Agardo os vosos comentarios. Hanme axudar a comprender un pouquiño mellor todo isto que pasou. De momento, aínda non entendo nada. E beizón a San Roque ou a quen corresponda por esta choiva.

martes, agosto 08, 2006

Regreso

Quería falar das vacacións, das tardes mansas de Silvaoscura, dos cafés negros en Montero Ríos ou, xa postos, das miñas passeggiatas romanas, pero non podo. Queríavos falar tamén do moito que me alegrou coñecer en persoa a Xulio de Rabal e a Acedre, mais tampouco vai ser posible. Tiña idea de compartir convosco a paz de espírito que me deixaron os concertos do mestre Sabina e dos elegantísimos Pet Shop Boys, pero hoxe o corpo pide outra cousa. Nin sequera son quen de festexar como merece o Premio Antón Tovar de poesía que lle acaban de dar a Yolanda López.
Mentres Galicia siga a arder, non son persoa, non teño nome nin esencia. Son, eu tamén, un fento seco preto do lume.